luns, 8 de xullo de 2019

As novas de GCiencia sempre nos sorprenden

Os nenos teñen unha dobre fila de dentes sobre os de leite        Poida que nos sorprenda saber que nacemos xa cos dentes definitivos. Estes dentes xa comezan a formarse no útero materno e algún día desprazarán aos de leite.
Nunha radiografía o nun escáner poderíamos ver a dobre fila de dentes que teñen os nenos, algúns deles situados baixo dos ollos, pero tapados por músculos e pel.
A primeira aparición dos dentes xa se produce no útero materno. Os dentes primarios dos bebés comezan a formarse  entre a sexta e a oitava semana de desenvolvemento prenatal, e os dentes permanentes comezan a formarse na vixésima semana.
Xa como nenos, tras da saída dos dentes de leite, os definitivos -que están moi xuntos aproveitando o seu espazo no cranio- comezan a medrar ‘alimentándose‘ dos seus precedentes. Máis tarde, aproveitarán a posición dos de leite para tomar a súa situación definitiva na nosa mandíbula.

Os dentes de leite (tamén coñecidos como ‘dentición decidua’ ou ‘primaria’), son o primeiro xogo de dentes que aparece nas primeiras etapas da vida dos humanos e doutros mamíferos.
Desenvólvense durante o período embrionario e fanse visibles (erupción dentaria) na boca durante a infancia. Son xeralmente substituídos, tras a súa caída, por dentes permanentes, aínda que, en ausencia desta, poden conservarse e manter a súa función algúns anos. En todos os mamíferos, salvo algunhas excepcións, se recambian só incisivos, cairos e premolares, aparecendo os molares xa como parte da serie dentaria definitiva.

A aparición dos dentes de leite ten o seu calendario: os primeiros agroman entre os 6-9 meses e os últimos entre os 20-24 meses. Na dentición temporal hai 20 dentes en total: 8 incisivos, 4 cairos e 8 molares temporais.
Pero, mentres vemos eses dentes deciduos, en realidade os outros, os definitivos, tamén están aí. Esperando a súa saída e medrando. E empurrando aos de abaixo ata que rematan por caer.

 O cambio de dentadura de leite á dentadura definitiva ten a seguinte cronoloxía: aos 7 anos, saen os incisivos centrais permanentes; aos 8 anos, aparecen os incisivos laterais permanentes. Os premolares aparecerán aos 9 anos e os cairos aos 10. Finalmente, os molares irán xurdindo aos 6, aos 12 e ata os 30 anos no caso do terceiro molar nalgunhas persoas

Ningún comentario:

Publicar un comentario