domingo, 26 de maio de 2019

Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA)

O equipo da sonda Marumasat IV da  Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA) , que conforman máis de 600 escolares e docentes de varios institutos galegos, xa está en plena conta atrás para o lanzamento. Todo apunta a que as condicións meteorolóxicas serán as axeitadas para que o globo de helio poida voar cara a estratosfera o martes 28 de maio ás 12 da mañá desde o IES Maruxa Mallo de Ordes. As malas previsións obrigaron a aprazar o lanzamento o pasado 10 de maio, polo que houbo que establecer unha nova data e pedir os permisos necesarios a AENA.
“Esperemos que o tempo acompañe, porque senón xa entrariamos en xuño, e é un mes complicado nos centros”, apuntaba hai uns días Xosé Manuel Fernández Castro, secretario da NOSA. As datas para o lanzamento son escasas debido á necesidade de solicitar autorización a AENA para evitar percances co tráfico aéreo.

Novidades da sonda galega Marumasat IV

Neste ano, o proxecto da sonda galega incorpora varias novidades. Destaca, segundo Fernández, a presenza dun detector de muóns (partículas elementais presentes nos raios cósmicos). De aí que a cuarta misión da NOSA fora bautizada como “Einstein: rastrexando os raios cósmicos”. Explican os impulsores que “trataremos de comprobar a teoría da relatividade especial estudando os muóns froito da descomposición dos raios cósmicos”.

Por outra banda, a Marumasat IV levará tamén a bordo material biolóxico para realizar diversos experimentos, como xa se fixera en anteriores ocasións. “Irán a bordo algúns lévedos para ver como medran, comparándoos cunha mostra que deixaremos en terra, e tamén mandamos auga para ver como mudan algunhas propiedades organolépticas”. Ademais disto, haberá “pequenas cápsulas de habitabilidade, para ver como se manteñen e aguantan os cambios de presión no exterior”, explica Xosé Manuel.
Do mesmo xeito, a sonda intentará sincronizarse coa rede Sentinel, medir o campo magnético terrestre, acadar xeolocalización por LoRa e GPS, e a consecución de datos para emitir unha certificación de calidade do emisor TX_06.3, entre outros aspectos.
Ademais de toda esta investigación científica, o proxecto contén tamén unha faceta humanística, xa que poñerá nos ceos os poemas vencedores do II Premio de Poesía Estratosféricano que participaron diversos institutos galegos.
Outra das arelas que persegue a sonda galega é a de bater o récord de altura acadada o ano pasado, con máis de 33.200 metros. Este ano utilizarán un novo globo, máis grande, co que agardan chegar ata os 36.000 metros.
Nesta nova edición incorporáronse á NOSA tres centros máis. Ao IES Maruxa Mallo de Ordes, IES Marco do Camballón de Vila de Cruces e IES Miraflores de Oleiros súmanse o IES Xelmírez II de Santiago, o IES Ferrol Vello e o CPI O Cruce de Cerceda.

Enlaces interesantes:

Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA) 
MarumaSat I
MarumaSat II
MarumaSat III
Trailer MarumaSat IV

Ningún comentario:

Publicar un comentario